miércoles, 23 de junio de 2021

despedida tutora de xoel 2021

 Benquerido alumnado,

Hoxe, non vou subir ningunha explicación, nin video, nin ningún aviso ao blog. 

    Hoxe, diríxome a vós para achegarvos o meu agradecemento. 

    Agradecervos todo o que  me agasallásteis durante este curso, nada doado, marcado pola pandemia. Sen dúbida, nalgún momento , fostes vós os meus mestres.

    Aprendín da vosa responsabilidade: de como persoas de 11, 12 anos son quen de cumprir normas que os adultos esquecemos con certa facilidade.

    Aprendín da vosa ilusión e o voso disfrute no traballo : vaia satisfación me producía escoitar aquilo de ... "profe, trouxen un material para ensinar, podo explicalo? ; profe, fixen un traballo sobre o que estamos a estudar, podo expoñelo?"; e todo, de xeito voluntario !.

    Aprendín da vosa capacidade de reinventaros: fostes quen de buscar alternativas no tempo de lecer cando vos decatastes de que non contabades con ningún material de xogo. Apareceron as tertulias, os paseos polo patio, e ata puiden poñerme ao día e ser partícipe dalgún baile de actualidade (isto costoume un pouquiño, pero, seguirei practicando 😉).

    Botarei en falta as conversas de primeira hora da mañá , nas que nos poñiamos ao día cos acontecementos máis recentes: de tecnoloxía , de investigación , datos da pandemia , e, por suposto, tamén deportivos: o Lugo salvou do descenso, o Breo ascendeu á liga ACB ...

    Sen dúbida, o mellor xeito de estar vinculados uns aos outros e á vida, é fomentando a  habilidade que temos dende pequenos de querer saber.

    Encantaríame que non perdésedes o gusto por aprender, por descubrir, por investigar, por estar conectados con todo o que vos rodea. 

Iker, Mencía, Xoel, Ainhoa, Sergio, Pablo Gallego, Aroa, Manuel, Leire, Alexandre, Saúl, Nicolás, Alba, Pablo Rodríguez, Lía, Pablo Seoane, Rosalía e Marina, por todo isto, e por mil cousas máis ... GRAZAS!

    Lembrade que cada un de vós é especial polo que é. Non hai que correr para ocupar os primeiros postos en todas partes; cada quen , ten que atopar o seu lugar na vida e comprometerse a ser feliz e a facer feliz aos demáis.

    Sodes uns auténticos campións, e, estou segura de que seredes quen de alcanzar o que vos propoñades. 💖 PARABÉNS A TODO O GRUPO!! 

    E agora, é o momento de pechar un ciclo escolar moi importante para vós neste colexio, o voso colexio: a Educación Primaria , e, abrirlle as portas, a outro ciclo non menos importante: a Educación Secundaria. 

    O colexio Anexa, e todos os que formamos parte del, desexámosvos  A MAIOR SORTE DO MUNDO no novo camiño que ides emprender en breve. 

    Sempre estaremos dispostos a botarvos unha man cando o precisedes, e, por suposto, sempre ocuparedes un lugar moi importante no corazón dos que tivemos a sorte de coñecervos, de traballar e de convivir con vós. 

Ata sempre!

A  titora

No hay comentarios:

Publicar un comentario